Tuesday 30 de April de 2024

O Concello pobrense pon en marcha unha enquisa participativa para a elaboración do III Plan de Igualdade


Co obxectivo de contribuír á consecución da plena igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, a Concellaría da Igualdade da Pobra do Caramiñal está inmersa no proceso de elaboración do III Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes (2022-2026).

A concelleira da Igualdade, Charo Varela (Nós Pobra), puxo en valor este Plan, xa que manifestou que traslada “o compromiso real que ten un Concello coa igualdade” e que amosa o programa de traballo de aquí aos próximos catro anos, ademais de ser necesario contar cos recursos económicos e humanos para logra-los obxectivos marcados. Tamén informou que o anterior Plan se baseaba en cinco áreas de intervención (educación e formación en igualdade; conciliación e corresponsabilidade; prevención e tratamento da violencia de xénero; información e participación activa; e saúde e benestar social) o cal se traduciu no impulso de numerosos proxectos coma o Plan Madruga, o apoio aos comedores escolares, a educación para a igualdade nos centros educativos ou as Xornadas de Muller e Ciencia, entre outros.

Neste momento, a elaboración do III Plan atópase na fase de participación social, polo que se abre un proceso participativo no que a veciñanza da Pobra poida expoñer as súas demandas e necesidades reais en materia de igualdade. Con esta finalidade, preséntase unha enquisa anónima que estará dispoñible ata o 4 de abril na páxina web www.apobra.gal, nas redes sociais e, en formato papel, no rexistro xeral do Concello. A ligazón ao formulario online é a seguinte: https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLScSlBuQmVP7lFRv-N3ib8F_8vBJ-aYgw_0DpZBa3sc0ggTsKA/viewform. Consta de 33 preguntas que permitirá identificar as demandas e necesidades da poboación en canto a conciliación, a violencia de xénero, a igualdade, a formación en igualdade e participación social de mulleres e homes da Pobra nos diferentes ámbitos. Así mesmo, están configuradas outras enquisas dirixidas a colectivos específicos.

Pola súa parte, a axente de igualdade do Concello, Carolina Rodríguez, explicou que o proceso de elaboración do documento pasou primeiramente pola fase de investigación documental para, unha vez finalizada a de participación social, continuar coas de deseño e de redacción e publicación, polo que estará dispoñible neste 2022.

Para resolver dúbidas ou achegar propostas en canto ás medidas que se poidan establecer neste III Plan tamén está ó dispor o enderezo electrónico igualdade@apobra.gal e o teléfono de contacto 981832764, marcando a extensión 6.